Monday 29 de April de 2024

A Xunta destina máis de 330.000 euros para programas de inclusión social e laboral para persoas migrantes da Asociación SenValos


Destaca o importante labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan neste eido

Entre os servizos que presta a entidade destaca a axuda destinada á alfabetización dixital e de idiomas ou os itinerarios de inserción laboral

Son xa máis de 32.000 as tarxetas básicas que o Goberno galego ten emitido desde o inicio da crise económica derivada da covid-19, das cales 4.604 pertencen a persoas da Coruña

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia cos programas de inclusión social e laboral das persoas migrantes que leva a cabo a asociación SenValos, aos que este ano destinou máis de 330.000 euros. O representante do departamento autonómico salientou, durante unha visita á sede da Coruña, o importante labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan na inclusión social e laboral de persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade.

Na última convocatoria de entidades 2020-2022, a Xunta de Galicia achegou unha axuda para programas desta asociación, centrada nas persoas migrantes, emigrantes, retornadas, asiladas e refuxiadas, como o de alfabetización dixital e de idiomas, ao que se destinaron máis de 82.000 euros; outro de mediación intercultural, con máis de 67.000 euros; ou un itinerario de inserción laboral financiado con máis de 83.000 euros.

Durante a visita, o director xeral de Inclusión Social percorreu as instalacións e aproveitou para coñecer de primeira man algúns dos servizos que presta a entidade, como o de curso de español para persoas migrantes que se estaba a impartir nese momento.

Preto de 33.000 tarxetas básicas
Arturo Parrado recordou, así mesmo, as diferentes iniciativas que o Goberno galego puxo en marcha nos últimos meses para facer fronte ás necesidades máis urxentes, entre as que salientou a Tarxeta Básica, unha axuda pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias. De feito, na actualidade xa se concederon preto de 33.000 destas tarxetas para a compra de produtos básicos, das cales 4.604 están entregadas a persoas da Coruña.

Nesta liña, o director xeral salientou o traballo conxunto que se está a realizar coas entidades sociais para apoiar ás persoas máis vulnerables. Un compromiso que a Xunta de Galicia demostra unha vez máis nos orzamentos dedicados deste ano á área de Inclusión. Destínanse 125,5 millóns de euros a este eido, a contía máis elevada da súa historia, e un 4,5% máis que o ano pasado.